La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha amiga de Ferrol, estudante de COU e xove escritora, mandoume un escrito sobre as orixes do meu nome de pía, do que eu non sabía nada, a non ser a forma latina Carolus, pero sen coñecer o seu significado. Agora, se me fío deste escrito que recibín, resultaría que os que nos chamamos Carlos somos “homes libres”, tradución aproximada do mesmo nome en alemán. Poida que sexa así, aínda que non teño elementos de xuízo, pois destas cuestións de onomástica eu non sei máis que o que sabe todo o mundo, é dicir, que Eulalia é —a que fala ben—, que Teófilo é —o que ama a Deus—, e paro, pois non creo que Pepe veña de PP (pai putativo).

No mesmo escrito dise que os que levamos este nome vemos a  vida de cor de rosa, aínda que non o sexa, e que temos un carácter positivo e un optimismo que está por riba de calquera adversidade. Di tamén, isto no outro prato da balanza, que somos algo arriscados de máis e presuntuosos e que facemos alarde das cousas que temos.

Eu non sei se estas cousas se dirán de todo o mundo, porque as diferenzas entre a xente non adoitan ser moi grandes: é cuestión de dose. O que me sorprendeu foi que o texto citado acertase plenamente noutras características persoais, polo menos no meu caso. Por exemplo, no gusto que sinto polas tertulias e a conversa cos amigos, unhas afeccións que coñecen ben todos os amigos e das que teño falado aquí con frecuencia. De maneira que estou un pouco desconcertado, pois son pouco dado a crer neste tipo de historias, tan parecidas aos horóscopos. Mágoa que ao final do escrito se cometa un erro que me fai dubidar do anterior. Di que o noso número é o tres. Non, o meu é o dous.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de marzo de 2000.