La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pasei a tarde de onte enredando no xardín. Por aquí abaixo, no Val Miñor, está todo moi adiantado como consecuencia do bo tempo que fai. Cada día novo, as froiteiras teñen máis flor, as tullas medran case a simple vista e as azaleas anuncian xa a festa que pronto vai empezar: un rebentón vermello e cálido, como de viño mozo, que alegra a vida. Destas cousas eu entendo pouco, por non dicir nada, pero gústame ver como tiran para adiante as árbores e como se van formando día a día as mazás, as pavías ou as laranxas.

Falando de pavías, a pavieira que teño regalouma un amigo. Un día fomos os dous buscala á horta da súa casa. Colleu un sacho e púxose a desenterrala, sudando como un cavador, pois non é home de campo, senón cidadán da república das letras, coma min, é dicir, un pouco inútil para calquera tipo de labores agrícolas.

Doutro amigo, Ramón Piñeiro, teño un carballo. Tróuxomo hai xa bastantes anos e plantámolo entre os dous nun recuncho que el mesmo elixiu. Aínda que nunha ocasión un cabalo lle  comeu case toda a casca, críase ben, espontáneo e lanzal, penso que rexo. Ogallá viva moitos anos, non só por el mesmo, que ten todo o dereito do mundo, senón polo home que mo deu, pois estou seguro de que lle faría ilusión. A min tamén ma fai. Mesmo como se a alma daquel amigo fose un paxaro que se pousase nas ponlas do meu carballo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de marzo de 1998.