La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Contei onte a historia da chapuza sueca nun incendio, cando non funcionaban nin as tomas de auga nin as mangueiras e tamén me referín a un accidente de tráfico en Alemaña, cando a policía que viña poñer orde no caos que se organizou en pouco tempo quedou co coche avariado no medio e medio da autoestrada. Como dicía un señor un pouquiño ignorante que acompañou a Julio Losada e Manancho Villanueva a visitar a casa de Shakespeare en  Stratdford on Avon e estes lle gastaron a broma de dicirlle que o señor que nacera alí era un poeta a quen o arrimaran contra unha parede e lle pegaran catro tiros: “¡Se en todas partes cocen fabas!”

En todas partes cocen fabas, para ben e para mal. Quero dicir que os países, a partir dun certo nivel de renta e educación funcionan case todos razoablemente ben. Eu confeso que cada mañá, cando saio da casa, sinto a marabilla de que non fallen as cousas, que non caian as casas, que haxa comida nos mercados e que non colapse o tráfico.

Todos os días andan miles de avións polo aire sen que caia practicamente ningún; igual pasa cos coches, aínda que non tanto, pois son menos seguros; todos os días operan nos hospitais con éxito a miles de persoas, cun índice de erros máis ben baixo; todos os días hai ovos nas tendas e mazás e patacas e carne e peixe e pan; todos os días pasa polos fíos da condución eléctrica a enerxía que move o mundo; todos os días flúe o gas polas cañarías sen que estas estouren; todos os días se fan millóns de subidas e baixadas en ascensor. E todos os días aparece aquí esta columna, que, iso si, me parece un verdadeiro milagre. É dicir, que o mundo, despois de todo, tampouco funciona tan mal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de marzo de 2000.