La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns días, ao falar aquí dun tío meu, recordei de pasada o cardeal Quiroga Palacios. Cumpriría agora cen anos se vivise. Non sei se contei algunha vez que, cando eu era neno, o confundín con Franco. A confusión tiña certa lóxica. Dixéronme que ía ver o Xefe do Estado e no momento en que apareceu a comitiva, como don Fernando era altísimo e ía vestido de cor púrpura, pensei que el tiña que ser aquel. Escuso dicir que cando me sacaron do erro e descubrín o orixinal, quedei decepcionado.

Non se parecía ao Cid, que era un dos modelos de heroísmo que eu tiña na cabeza, supoño que polo debuxo que viña nunha lección de Historia. A don Fernando vino algunhas veces máis, nunha ocasión coa miña nai. Aquel día souben que cando eu era pequeno e os autobuses paraban nas costas para que a xente baixase, el colleu un pau á beira da estrada, mandoume agarrar por un dos cabos e tirando, tirando, foime levando ata o alto de Allariz sen darme opción a chorar.

Estando xa na universidade, unha mañá presentámonos a velo un grupo de catro ou cinco estudantes para protestar porque ían fusilar, ou darlle garrote, a alguén e a Igrexa non dicía nada. Estivemos bastante impertinentes, supoño, tanto polos poucos anos que tiñamos como pola razón que nos asistía. O cardeal escoitounos con amabilidade, deixounos desafogar toda a rabia que levábamos dentro e despois de defender a Igrexa, ergueuse, dirixiuse cara a un escritorio e amosounos un telegrama, enviado aquela mesma mañá, pedindo o indulto para o condenado. Saímos de alí todos contentos, pero pouco despois comprobamos tamén o pouco que valía naqueles trances a petición dun cardeal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de marzo de 2000.