La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Teño un amigo que está moi preocupado por un dente. Díxomo o domingo pola noite, ceando con el na súa casa. Eu de dentes non sei nada, pero pareceume entender que lle puxeron un que xa estaba vello e que pertencera antes a outra persoa. Polo visto, non lle encaixa ben. O malo é que, segundo me contou, este tipo de pezas van agora engarzadas no óso, de maneira que non son fáciles de quitar. Esta que lle colocaron a el débelle quedar grande e seguramente lla van ter que cambiar ou rebaixar.

Este amigo meu é persoa moi preocupada polas cousas da saúde, tanto que falando de enfermidades, operacións ou diagnósticos, parece médico. Por el aprendín eu que existen o colon irritable, a próstata inflamada e os choques anafilácticos. Ás veces incluso lle teño feito consultas e debo dicir que case sempre me acertou.

Cando eu era rapaz, na praza de Xinzo de Limia, os días de feira arrincaban moas por unha peseta, a pelo e sen calmantes, só cunha copa de augardente para disimular a dolor. As vítimas daban pena e tiñan cara de sufrir, tanto antes como despois da extracción. Desde logo, a xente que necesita dentista adoita expresar angustia ou medo cando fala destes problemas. Xa sei que un dente pode ser unha nimiedade. De acordo, pero o que non pode ser nunca insignificante é sentirse preocupado por un amigo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de marzo de 1997.