La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pasei a tarde morriñenta de onte lendo unha biografía da raíña Victoria de Inglaterra. Houbo un episodio que me chamou a atención, do que foi protagonista a parella real. Resulta que o príncipe Alberto, nos primeiros meses de matrimonio, levaba mal a circunstancia do papel secundario que lle correspondía como consorte, inevitablemente situado sempre debaixo da soberana. Por esa razón, ás veces non lle era fácil saber se estaba falando coa súa muller ou se, polo contrario, se atopaba en presenza da raíña de Inglaterra.

Nunha ocasión, despois dunha pelexa matrimonial, o príncipe. nun ataque de furia, foise pechar no seu cuarto e Victoria, non menos irritada, púxose a petar na porta. Ao escoitar os golpes, Alberto preguntou: “¿Quen é?” A resposta foi: “A raíña de Inglaterra”. El non fixo caso, pero cando ela volveu petar, repetiu a pregunta.

O xogo de teimosía durou bastante tempo, sempre coa mesma pregunta e idéntica resposta cada vez, ata que houbo un momento en que o golpe de fóra foi máis suave e a resposta á pregunta cambiou de maneira radical: “A túa muller, Alberto”.  Nese instante abriuse a porta, tal como conta o biógrafo, que di que a historia revela moi ben a firmeza de carácter do príncipe. Sen dúbida. A min, non obstante, o que máis me conmoveu foi a exquisita educación da raíña, que non se atreveu a entrar no cuarto ata que foi autorizada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de marzo de 1995.