La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Ese guitarrista de melena lánguida e ollos duros que, parapetado detrás dos muros dunha granxa de Texas, nos Estados Unidos, asegura ser Xesucristo e que anda a tiros coa policía, máis que un toliño que desvaría, parece un golfo bastante avisado: cada noite dorme cunha muller distinta. O que resulta excesivo é que para resolver un asunto tan vulgar, o tal malabarista montase un follón desa natureza, con varios mortos de  por medio, a chantaxe coa vida duns pobres meniños asustados e toda esa retórica necia de comunicados sen sentido.

Para embaucar a uns cantos infelices, chega con pouco: uns fermosos ollos penetrantes, catro ideas aloucadas e confusas, bastante cinismo e audacia sen límites. Con esas prendas non resulta difícil iniciar unha brillante carreira de senvergonza. Levántase púlpito de charlatán en calquera esquina, e a esperar que a miseria, a confusión e a desesperanza dos demais poña o resto. O éxito está asegurado.

Desde que comezou o asalto ao refuxio do personaxe, un pandemonio de palabras baleiras ameaza con sepultar o suceso nun dioivo de declaracións confusas. Esa é unha das características destes misticismos deshidratados, que acaban pringando de delirio canto tocan. Para defenderse desa oquedade devorante, nada mellor que tocar terra firme na linguaxe sinxela de cada día. É o que acaba de facer a nai do individuo, enviándolle unha mensaxe sensata e comprensible: “Vernon*, fillo, por favor, se estás escoitando, réndete”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de marzo de 1993.

(*) Vernon Howel era o nome real de David Koresh, o líder dos Davidianos que protagonizaron os sucesos de Waco (Texas), que se cobraron a vida de catro policías e oitenta e dous sectarios, entre eles, unha vintena de nenos e nenas inocentes. (N. do E.)