La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando os membros da comisión de festas da miña vila percorrían os bares, as tendas e os comercios da localidade para recadar cartos, sempre batían coa negativa alporizada do Camilo Peláez, un comerciante do ramo de tecidos que se sentía ofendido só polo feito de que se atrevesen a pedirlle a súa contribución económica. En xeral botábaos a berros, case arrempuxándoos, sen aforrarlles sequera algúns insultos, como chamarlles vagos ou mangantes. Ano tras ano, repetíase a mesma historia, que xa formaba parte das vésperas.

Unha vez presenciei o espectáculo no interior do propio comercio, onde eu pasaba horas falando con aquel señor que tiña fama de malvado, pero que a min me resultaba divertido. No momento en que os estaba botando, dicía que el non pagaba porque non lle gustaban as festas e que ademais pensaba pasalas illado no monte.

Era a reacción dun home chinche e algo mancornado, pero perfectamente comprensible. A min, por exemplo, non me custa entender que haxa xente con este tipo de aversións, por máis que comprenda tamén aos que necesitan foguetes e bandas de música para sentirse contentos. Persoalmente prefiro a tranquilidade aburrida de cada día, sobre todo agora que a vida do país parece convertida nun circo excitante, cheo de emocións e perigos. Como teño un can novo na casa, miro para el e paso uns momentos moi agradables.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de marzo de 1995.