La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Foi unha verdadeira carnicería. Os executores do último tsar, Nicolás II, despois de liquidar a este dun único tiro, necesitaron centos de balas para acabar co resto da familia. Aínda así, cando pensaron que a faena estaba rematada, as grandes duquesas e o tsarevich seguían con vida. Entón decidiron pasalos a todos a baioneta. Logo sacaron os corpos do cuarto onde tivera lugar o fusilamento e cargáronos nun camión, tapados cunha lona. No camiño resultou que algunhas das nenas aínda se movían.

Novamente as volveron atravesar, desta vez de forma definitiva. Os executores proseguiron a súa viaxe, camiño dunha mina, onde introduciron os cadáveres. Despois lanzaron bombas de man, pero a violencia das explosións non só obturou a entrada, senón que espallou restos dos corpos polo exterior. Entón buscaron outro sitio.

Os autores daquela ignominia sentíronse heroes ata hai pouco, mesmo chegaron a disputar entre eles polo protagonismo do que entendían que fose un acto histórico. Efectivamente, foino para as vítimas; non para os asasinos, o nome dos cales xa non lle interesa a ninguén. A xente segue acordándose, en cambio, do tsar, que non foi un home exemplar, pero que non merecía a morte dun bicho. Este ano, toda a familia será enterrada como é debido. Na carreira da Historia, a piedade ten sempre máis alento que o odio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de febreiro de 1997.