La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Tiña eu unha tía, boa e candorosa, que foi unha das persoas máis inocentes que coñecín na miña vida. Cando xa cumprira os setenta e cinco anos, para compensar as moitas horas que o seu home lle dedicaba ao violín, decidiu embarcarse tamén ela nunha aventura artística, no seu caso relacionada coas artes plásticas, que creo que non chegou a empezar. Supoño que a cambiou polas súas misas, as súas novenas e outras prácticas relixiosas semellantes. Era tan profundamente devota que non tomaba auga fría despois do almorzo porque un día, na casa do meu tío Faustino, lle escoitou dicir ao bispo de Ourense, don Ángel Temiño, que era malo para a saúde.

Non creo que os bispos sexan expertos neste tipo de cuestións, aínda que houbo algún que chegou a saber moitas cousas de medicina, como aquel chamado don Pedro, do Brasil, que curaba con herbas e con soplos e que unha vez fixo chover na súa diocese durante sete días seguidos para limpar o aire de pestilencia e acabar cunha especie de gripe que se cebaba nos vellos e nos nenos.

Agora, unha publicación de tanto prestixio como a revista The Lancet asegura que a convicción, moi estendida entre algúns médicos e pacientes, sobre todo nos Estados Unidos, de que a fe aumenta a esperanza de vida, non ten base científica de ningún tipo. Parece que a noticia non lle sentou ben a algunhas persoas piadosas, o cal non se entende. Despois de todo, a relixión nada ten que ver co mundo científico. Se Deus fose unha verdade matemática, a fe converteríase nun asunto tan trivial como a fórmula da auga. Esta noticia recórdame aquel manifesto duns médicos chineses que demostraron que un neno do seu país non lía coas orellas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de febreiro de 1999.