La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Debeu ser hai dous ou tres anos, durante o verán, cando en Suecia se destapou un escándalo político de grandes dimensións, aireado pola prensa. Os protagonistas foron dous deputados, unha señora dun partido de esquerdas e un colega conservador, unidos de súpeto por unha paixón amorosa incontrolable. Quixo o destino que ambos residisen en localidades moi distantes entre si, de xeito que os encontros, avión vai e avión vén, empezaron a converterse nun grave problema económico. Foi así como se lles ocorreu o pecado.

Este consistiu en pagar os billetes coa tarxeta que teñen os deputados para desprazarse dun lugar a outro no exercicio da súa misión. A funcionaria encargada da contabilidade sorprendeuse de que se realizasen tantas viaxes cruzadas entre dúas vilas tan afastadas unha da outra. O resultado foi o escándalo.

Estou vendo ás vítimas na televisión, rodeadas de periodistas que apenas contiñan a risa, ensinando en dirección ás cámaras o corpo do delito, é dicir, as tarxetas, e falando da negrura dos seus respectivos futuros na vida política. Ela era unha muller fermosísima, espléndida. Mirando aqueles preciosos ollos verdes e escoitando aquela cálida voz de melocotón, un pensaba no fácil que resulta pecar cando a tentación paga a pena. Por iso non convén escandalizarse demasiado coas debilidades da xente, incluídos os máis santos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de febreiro de 1995.