La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Chamábanlle Fuego Fijo y Volador porque era fogueteiro e andaba ofrecéndose ás comisións de festas das distintas parroquias cun discurso no que incluía bombas de palenque para anunciar as alboradas, unha ducia de cubos para a procesión e sesións de “fuego fijo y volador” na metade das verbenas. Tiña rivalidade co Eladio Paz Benítez, do mesmo ramo e competencia, e co Chimpafigos, cuñado daquel, aos que consideraba pouco artistas e demasiado inclinados ao ruído. Non lle gustaba nada que eu non compartise esta apreciación.

Sentíase artista fogueteiro, da escola valenciana, onde aprendera o oficio despois da mili. Lía o periódico, picaba algo cara á esquerda en materia política, pero non esquecía que lle debía dous grandes favores a xente do ceo: á Virxe do Carme por libralo dunha explosión e a san Roque por atendelo nun apuro relacionado coa saúde.

Medía o mundo en termos da súa profesión: a cantas bombas equivalía un trono ou cal sería o presuposto para foguetes que gastaban nas festas de Nova York. Por coñecer a capacidade destrutiva dos explosivos, estaba en contra de todas as guerras.  Un día, falándolle da barbarie inhumana que supuña a bomba atómica a uns paisanos no seu taller, non atopou mellor exemplo para convencelos daquela loucura que dicirlles: “Unha bomba desas, botada aquí, non deixa un cristal san en toda a provincia”. Causou asombro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de febreiro de 1998.