La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Leo nunha revista americana que o famoso fotógrafo Joel-Peter Witkin anda buscando, a través de anuncios nos periódicos, mortos feos. Hai anos buscaba ananos, xigantes, chepudos, mulleres barbudas ou siameses unidos pola cabeza. Con todo ese horror compuxo unha parte non pequena da súa obra artística, que hoxe figura nas historias da arte contemporánea. O retrato que lle fixo a un enfermo de sida, que aparecía con bigote e saia, acompañado da súa nai e dun neno espido, foi moi polémico.

Sería aínda peor o que veu despois. Witkin colleu un cadáver en Marsella, sentouno espido nunha cadeira e retratouno coa mestría que ninguén lle discute, pero con auténtico sadismo. O morto aparecía sen cabeza, coa pel do pescozo recollida como se fose un toco. Comparado con isto, toda a súa obra anterior resultaba inocente.

Non sei que pretenderá facer agora Witkin con eses mortos feos que anda buscando, aínda que tampouco parece difícil de imaxinar: un salto cara adiante na estética da perversidade. Unha vez solicitou xente que tivese os estigmas de Cristo ou a calquera individuo que estivese convencido de que era Deus ou a Deus mesmo en persoa. Naturalmente, isto último non o conseguiu. Eu alégrome, porque Deus retratado por Witkin só sería posible se Aquel fose un monstro repugnante. Menos mal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de febreiro de 1997.