La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Eran as nove da mañá e a xente que agardaba o autobús. aínda con restos de sono nos ollos, miraba con sorpresa a un burro de cartón, que alguén deixara arrimado á parede dunha casa. O máis gracioso era a cara do animal, na que destacaban uns rizos abundantes e alborotados que lle saían entre as orellas e un sorriso aberto e pícaro, case de persoa, pero cun claro matiz de senvergonza. A pesar de todo, o bicho tiña un aspecto simpático, que pouco a pouco foi conquistando á concurrencia.

A xente empezou a comentar o ben feito que estaba. Despois viñeron algunhas conxecturas sobre o material, pois uns dicían que era de plástico mentres outros pensaban que era de cartón. Tamén houbo opinións diverxentes sobre a procedencia do animal, que moitos consideraban xa como lixo, aínda que alguén ben informado explicou que o abandonaran alí uns xitanos na noite anterior. Aclarou, ademais, que unha das patas de atrás estaba rota e que se se sostiña de pé era porque o deixaran apoiado na parece.

Pero de pronto achegouse ao grupo unha señora pequena e fea, gorda e con cara de vinagre. Ao ver o burro fixo un primeiro xesto de desagrado seguido dun comentario. Entón a xente deixou de falar e fíxose un longo silencio, interrumpido só polos bufidos da señora, que cada vez parecís máis irritada. Nun instante foise como unha furia cara o burro e empezou a golpes e a patadas con el, ata que o desfixo completamente. Ao rematar, visiblemente satisfeita, pero aínda nerviosa, dixo en voz alta: «É que mesmo parece que lle están chamando burra a unha!».

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de febreiro de 1990.