La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na vida do escritor Josep Pla houbo tres mulleres importantes: Aurora, unha profesional do pecado, infeliz e analfabeta; Consuelo, unha xitana que tampouco sabía nin ler nin escribir, e Adi, unha moza escandinava, filla dun diplomático nórdico, que falaba sueco, danés, alemán, inglés, francés, italiano, castelán e catalán e que recitaba de memoria a Rilke e a Goethe. A relación que tivo con elas, que eran tan diferentes, foi bastante parecida: nada intelectual, algo cínica, escasamente romántica e a veces sórdida.

A propia Adi Enberg ten contado a furia que lle entrou o día que respondeu a unha chamada de Pla, atravesou Europa en tren para xuntarse con el e non o atopou na estación de Irún, como conviñeran, porque quedou durmido, senón en Madrid, nunha pensión horrible, na que encontrou un anano espatarrado na cama do escritor.

Leo nunha revista que acaba de saír un novo libro de Cristina Badosa sobre Pla*, agora que en Cataluña celebran o seu centenario. Polo que vexo, hai polémica en contra da biógrafa. Non entendo, porque aínda non lin a obra, se é polas criticas que lle fai a Pla, a quen acusa de ser un egoísta, ou porque descobre as súas miserias, incluídos os seus recursos á prostitución. Que o escritor catalán era así, estaba claro desde sempre para os seus lectores. Aos demais supoño que tampouco lles importará demasiado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de febreiro de 1997.

(*) Refírese á versión castelá de Josep Pla. Biografia del solitari (Edicions 62, nov., 1996), publicada por Alfaguara.