La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alguén chamoun onte por teléfono desde Suecia preguntando por un dos rapaces e eu respondín cunha frase feita, desas que se utilizan habitualmente nesas circunstancias. Dixen: Ell ögonblick, que é o mesmo que dicir: “Un momento”. Pero por primeira vez na miña vida fun consciente de que esa palabra está feita con outras dúas: ögon, que significa “ollos”, e blick, que quere dicir “mirada”. De maneira que cando un sueco fala dun momento ou dun instante, do que fala en realidade é dun abrir e pechar os ollos.

Non debe ser o mesmo que dicimos nós, pois aínda que a nosa palabra está relacionada con “movemento”, xa ninguén o percibe así, do mesmo xeito que tampouco somos conscientes de que cando falamos dun golfo marítimo estamos utilizando un vocábulo que antes serviu para denominar o oco dunha saia ou dun vestido.

Cada pobo fala como pensa. Eu mesmo recordo que tardei bastante tempo en distinguir cales eran os meus tíos maternos e paternos. Os nenos suecos, en cambio, sábeno desde que aprenden a falar, pois aos tíos chámanlles exactamente irmán  do pai ou irmán da nai, segundo lles corresponda. Non quero dicir con isto que o galego non estea ben; a min gústame. Nestas cousas, aos suecos só lles envexo que lles chamen jordgubbe aos amorodos, que vale tanto como se lles chamasen “velliños da terra”. Claro que saber, saben igual.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de febreiro de 1995.