La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Supoño que a noticia xa a sabe todo o mundo. O adestrador da selección nacional inglesa de fútbol, Glenn Hoddle, un cristián que parece que volveu conmocionado dunha visita á basílica do Pesebre, en Belén, dixo nunha entrevista que os coxos, os paralíticos, os cegos, os mancos, os xordos, ou sexa, todas as persoas que teñen algún tipo de minusvalía, son a reencarnación de xentes que pecaron moito noutras vidas e que agora pagan as súas culpas.

Hoddle está tan convencido da rectitude da súa crenza que non pensa rectificar, o cal, tendo en conta a indignación que espertou no Reino Unido, seguro que lle custará a carreira. Para explicar esta necidade, hai quen recorre a teorías non menos bobas. Por exemplo, iso que algúns chaman a “síndrome de Terra Santa” e que consistiría en que algunhas persoas, en presenza dos Santos Lugares, sofren unha especie de crise mística que os leva a dicir e facer estes disparates e outros parecidos. Agora mesmo hai en Xerusalén miles de toliños destes esperando a fin do mundo.

Eu vin un grupo deles, hai uns meses, acampados no Val de Xosafat, nas aforas da cidade, o lugar onde cren que se vai celebrar o Xuízo Final. Non sei que facían alí, aínda que non me estrañaría nada que estivesen collendo sitio. Digo isto porque o citado val é moi pequeniño, incapaz de acoller o número de persoas que pode caber no estadio de Riazor, por exemplo. Non ten aforo suficiente para meter alí a humanidade enteira. Nin ten condicións para ir en cadeiras de rodas, pois é moi empinado. Aínda que nin falta que fai. Os tolleitos, se é certo o que di o adestrador Hoddle, para que xulgalos? Directos ao inferno. Sempre se gaña algo de espazo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de febreiro de 1999.