La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cunha contumacia únanime, todos os atlas do mundo seguen a chamarlle Lago Alberto ao que en realidade se chama Lago Mobutu Sesé Seko desde que o presidente do Zaire decidise iniciar o movemento de “autenticidade” que restituíu os topónimos orixinais no seu país. De paso aproveitou a ocasión para cambiar o seu nome e poñerllo ao tal lago. Non era para menos, sobre todo se quen antes se chamaba Joseph Désiré, pasaba a ser Sésé Seko Koko Ngbendu Wa Za Banga, é dicir, Intrépido Guerreiro, Terror das Galiñas e Outras Femias.

O tal Terror das Galiñas reina como soberano absoluto desde hai anos sobre un dos países máis ricos do mundo. Tan rico, que a industria occidental dificilmente podería sobrevivir máis alá dun par de meses sen moitas materias primas que cada día lle chegan desde alá. Ademais, nas terras que goberna o citado Terror hai diamantes para encher varios barcos e ouro para competir co sol.

O peor é que os congoleses non saben que son tan inmensamente ricos, pois viven nunha pobreza dolorosa e humillante. Tampouco deben saber que o seu xefe, con ese nome de pequeno ladrón famento, posúe unha das fortunas máis escandalosas do mundo. Ata é posible que os máis infelices deles pensen que lles paga con diñeiro falso aos seus soldados, como acaba de facer agora, non por ser un senvergonza, senón porque é un desgraciado sen recursos. Só así se explica que non lle retorzan o pescozo como a unha galiña*.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de febreiro de 1993.

(*) Mobutu faleceu o 7 de setembro de 1997 en Rabat (Marrocos), ao pouco de comezar o seu exilio.