La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

De neno pasei moitas tempadas en Allariz, nunha fermosa casa con horta e un balcón enorme sobre a rúa do Portelo. Un día, cando estabamos xogando neste último, un amigo díxome que un señor que naquel momento pasaba por debaixo, en dirección ao fondo da vila, era tan malo que tiña cara de lobo. Como soamente o podía ver de costas, quixen baixar a todo correr para comprobar que era certo, pero o meu compañeiro botoume para atrás co argumento de que, ademais diso, aquel individuo ruín podía morder.

Durante o verán non puiden esquecer a imaxe daquel home. Xogando no Portelo ou na praza que hai diante da igrexa de Santiago, cada vez que vía un señor que me chamase a atención por gordo, por feo ou por raro, pensaba que podía ser o home con cara de lobo. A verdade é que non conseguín aclarar o misterio.

Onte, cando estaba dentro do coche agardando por outra persoa, achegóuseme á vantaíña un tipo moi enfadado. Non tiña pinta de ser nin un mendigo que ven pedir nin un desgraciado en busca de axuda, senón alguén irritado, quizais por pensar que eu non me atopaba situado correctamente. A cousa durou apenas uns segundos e non puiden escoitar o que dicía por causa da radio. O que si puiden observar foi que o home non tiña cara de lobo, senón o aspecto enganoso de parecer unha persoa  normal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de febreiro de 1996.