La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai tres ou catro anos, paseando cuns amigos por Nova York, mentres nos dirixiamos ao Whitney Museum para ver unha exposición de pintura, un deles deume un golpe cómplice no brazo, ao mesmo tempo que me guiaba cos ollos nunha deter minada dirección. Aínda que tardei un pouco en reaccionar, deseguida me decatei de que cousa se trataba. Diante de nós, a dous ou tres metros, viña unha moza alta, máis ben altísima, espectacular e fermosa, mesmo deslumbrante. Non obstante, iso non era todo.

O resto estaba na roupa que levaba. Ía ataviada cun vestido transparente, como de gasa ou encaixe, que sería absolutamente golfo se non fose tan elegante. Era evidente que non se trataba de ningunha piriquita audaz e trapalleira, senón dunha muller guapa vestida cun deses modelos carísimos que se ven nas pasarelas.

Acabo de ver nunha revista as coleccións de primavera que se presentaron recentemente en París. Algúns dos vestidos parécense, pola audacia, a aquel que levaba a rapaza de Nova York. Son máis baratos que os do ano pasado, segundo informa o cronista, que fala de prezos razoables, aínda que non sei que quere dicir porque logo asegura que os botóns dun traxe xastre valen máis de seis millóns de pesetas* cada un. A min paréceme un despropósito, sobre todo porque un botón é moi fácil de perder.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de xaneiro de 1997.

(*) Aproximadamente, trinta e seis mil euros