La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado pola tarde, un amigo estívome contando o que lle sucedera o día anterior, despois de pasar varias horas revolvendo entre papeis vellos, tratando de poñer orde nun caos de moitos anos. Nunha caixa de cartón comida polos ratos atopou unha libreta pequeniña de pastas negras, xa esquecida, na que fora escribindo un diario, alá nos seus tempos de estudante no instituto. Púxose a lelo con curiosidade e acabou deprimido. Tirou a conclusión de que, xulgando polas cousas simples que anotaba,era bastante parvo.

Non o dicía por dicir, senón que se vía triste, como se descubrise de pronto que era menos intelixente do que pensaba. Un día escribiu, por exemplo, que lle encantaría ver o Papa e que esa sería a primeira cousa que faría cando fose maior e dispuxese de cartos para ir a Roma. Outro día puxo que non lle gustaba o salchichón.

Eu díxenlle que o mesmo unha cousa que outra me parecen moi ben para figurar no diario dun neno. Naquela época, todos os rapaces queriamos ver o Papa, o cal resultaba lóxico: era o representante de Cristo na terra. Polo demais, o mundo está tan cheo de xente empeñada en dicir orixinalidades, tal como se ve todos os días na pantalla dos televisores, que atopar a alguén que simplemente escribe nun diario que non lle gusta o salchichón, pois parece un alivio. Dito sexa de paso, a min tampouco me gusta demasiado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de xaneiro de 1996.