La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Segundo me contan por teléfono, morreu o Paquiño Cebola, un pobre de pedir que, alá polos anos cincuenta, andaba predicando os Evanxeos polas rúas. En realidade, o que predicaba era un discurso propio, que el confundía con pasaxes do Novo Testamento. Eu oínlle contar varias veces un episodio no que puña a Xesús de Nazaret no trance de resucitar un paxariño. Era un conto no que este morría dunha puñalada no corazón, asestada por un centurión que se dedicaba a matar porcos polas casas. Xesús collía o paxaro, dáballe un bico e dicíalle: “Pajarito bonito, yo te ordeno que vuelvas a volar”.

O paxariño percorría despois medio mundo e algúns anos máis tarde, cando Cristo estaba morrendo na cruz, quitáballe da cabeza a coroa de espiñas, que lle levaba polo aire ao Papa de Roma. Se alguén lle facía ver a contradición e lle recordaba que daquela aínda no existía a figura do pontífice, miraba con cara de pena, ría para un lado e sentenciaba: “Para Nuestro Señor no hay nada imposible”.

O Paquiño Cebola tivo un incidente co cura da súa aldea, pois este soubo que os domingos, o seu fregués se dedicaba a ir dunha parroquia a outra, polos arredores, e que comungaba ata catro veces no mesmo día. O abade chamoulle bárbaro e avisou os seus colegas de que tivesen coidado. Entón o Paquiño desapareceu unha tempada longa, dicían que por Alacant. Parece, porén que estaba internado por tolo no manicomio en Santiago.  Desde entón non volvín ver aquel mozo. Agora, segundo me contan, morreu en Madrid, velliño e ben coidado por unhas monxas. Supoño que iría ao ceo e que alí andará tamén o paxariño e que falarán os dous.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de xaneiro de 1999.