La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola noite escoitei na televisión ese concelleiro de Madrid, chamado Ángel Matanzo, que estes días anda facendo o ridículo por aí. Estaba irritado en exceso e desabrido. Parece un tipo inflamado, co subconsciente ao aire, deses dos que na miña terra din que falan sen permiso da cabeza. Ignoro en que consiste a burla que lle fan ese grupo de actores que o converteron en personaxe cómico dunha obra de teatro. É posible que sexa cruel ou mordaz, pero dubido que o traten tan mal como el se está tratando a si mesmo.

Fala o citado concelleiro cunha voz rouca, de madrugada, foneticamente pretendida nunha larinxe golfa e sintacticamente descalabrada. Con esas virtudes, non parece difícil elixilo para facer escarnio, sobre todo se a ese par de catástrofes se lle engade aínda un temperamento fabricado quen sabe en que quincallería para atolondrados. Vese que os actores tampouco tiveron moito que pensar.

Estou seguro, non obstante, de que o señor concelleiro debe ter tamén os seus partidarios. Estes individuos de alma rachada adoitan conquistar a moita xente polo atallo resolutivo do pau: o que se mova en contra de calquera norma, que aguante estaca. Non é raro. Trátase dunha  solución rápida, contundente e case sempre eficaz. Seguro que a estas horas hai en Madrid non poucas persoas contentas coa acción do seu concelleiro. Tampouco importa demasiado: só se trata de pechar un teatro. Que polo visto non ten nin butacas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de xaneiro de 1993.