La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola tarde, a falta de mellor cousa que facer, tendo en conta o vento e a chuvia, que non invitaban a pasear, estiven mirando anuncios nunhas revistas americanas. Atopei de todo: patacas de claro sabor tradicional servidas mensualmente por correo; aparatos eléctricos para quitar toda clase de dores corporais; adhesivos en forma de ra para poñer o remite das cartas; xamón afumado, que mercado nunha determinada cantidade incluía de regalo un pouco de queixo especial e algúns gramos de panceta…

Nisto de comer, vin tamén que anunciaban bistés servidos a domicilio, coa garantía absoluta de que o cliente quedaría satisfeito, ademais de que lle entregan gratis un libro de cociña. Vin así mesmo un debuxo de Fidel Castro cun enorme habano na boca, ofrecendo unha aventura de sete días en Cuba para fumar puros.

O máis curioso de todos, non obstante, pareceume un aparato para espertar polas mañás pouco a pouco, coa luz gradual dun amencer espléndido, pero que serve tamén para o contrario, é dicir, para ir durmindo lentamente mentres o sol se vai apagando. Non está mal, aínda que supoño que se podía perfeccionar engadíndolle música, por exemplo, ou dotándoo de algún ruído especial, ultrasónico, para o caso de que a xente que merca estas cousas non sexa despois capaz de dormir, que tamén pode ser.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de xaneiro de 1996.