La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando eu era neno, pasaba longas tempadas nunha pequena aldea da Limia, no borde sur da Lagoa de Antela, onde un tío meu era médico rural, daqueles que andaban a cabalo. Algunhas das cousas que recordo con máis agrado daquelaépoca eran as letanías de agradecemento que ían soltando os enfermos polas escaleiras abaixo, cando saían da consulta, e as longas conversas que tiñan lugar polas noites arredor do lume, mentres as mulleres ían e viñan preparando a cea ou algún dos homes atendía con naturalidade, pero non sen un certo orgullo, o lombo que se asaba lentamente no espeto.

Pola casa ían uns tipos moi curiosos, como un que chamaban o Parolante e que contaba unha mentiras imponentes, pero divertidas e cheas de inocencia. Eu, que lles cría todas, tíñao por un individuo encantador, ao que lle sucedían sempre cousas marabillosas, como aquela historia dunha lebre que se riu del unha mañá, preto da Fontemoura, cando levaba a escopeta e lle largou dous disparon que deron no branco, partíndolle as pernas. Se a pesar de todo lle escapou, foi porque a lebre tiña catro pernas supletorias no lombo, coas que seguiu correndo posta ao revés, coa barriga cara o ceo.

Outro tipo pintoresco que ía pola casa era un tal Rexelo, antigo emigrante no Norte que aseguraba lía e falabra inglés de corrido, gracia que o meu tío quería comprobar dándolle a ler algo naquel idioma, pero que resultaba imposible, pois o Rexelo disculpábase sempre con que non levaba lentes.

Un día que o atopou lendo o periódico , o meu tío sacou do peto un prospecto da penicilina, que viña en inglés, aduceindo que se trataba dun medicamento novo moi importante e que ignoraba para que servía. O Rexelo colleuno, deulle voltas, e cando non sabía como fuxir da trampa que lle preparaban, descubríu dúas palabras milagrosas, «made» e «cost». Aliviado, sentenciou: «Mire, don Benito, esto élle para o mal de costas».

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de xaneiro de 1989.