La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha amiga miña que hai anos foi revolucionaria por amor á humanidade e que agora é simplemente boa persoa coa xente que a rodea, acaba de trasladarse de casa e atópase con que os veciños do edificio onde reside teñen decretado que un dos inquilinos, home triste, calado e infeliz, é gafe. Aínda que a cousa de momento non pasa de ser unha broma, ao tal individuo considérano responsable de todas cantas desgrazas e desperfectos afectan á comunidade. O peor de todo é que hai xente que xa empeza a crer no maleficio do personaxe.

Seguro que os máis convencidos non han tardar en esquivar o desgraciado nos ascensores. E os máis entendidos acabarán por facerlle a figa cos dedos, iso si, coa man discretamente escondida no peto do pantalón ou da chaqueta, porque entre bromas e veras, por se acaso, ninguén se atreverá a desafiar os poderes do malvado.

É esta raposería o que máis molesta á miña amiga. Eu fálolle dos italianos, que consideran que todos os cregos son gafes e que mesmo lle atribuíron esa condición a Pío IX por provocar involuntariamente a morte dun obreiro que caeu dun andamio ao recibir a bendición papal. Cando se atopan cun destes tipos que traen mala sorte, levan a man esquerda aos testículos e  poñen os dedos da man dereita en forma de corno. Á miña amiga parécelle horrible. Tamén debe ser incómodo, digo eu, sobre todo polos moitos curas que hai en Italia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de xaneiro de 1994.