La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hoxe vou escribir unha maldade. Antes, non obstante, quero citar aquí a frase que lle escoitei dicir un día no Café Miño de Ourense ao meu amigo Luís Cabo, vello comunista de Monforte, tan boa persoa que cando veu xogar a Madrid a selección nacional de fútbol da Unión Soviética pasou todo o tempo que durou o partido mirando cuns prismáticos a bandeira visitante, chorando sen parar. Pois Luís Cabo dixo nunha ocasión que era perfectamente lexítimo ser un golfo, para aqueles que tivesen ese gusto, pero que debía estar prohibido ter cara de senvergonza.

Supoño que a frase se refería a alguén en concreto. Acordeime disto o outro día, mentres vía noticias na televisión. Falaban dos líos de Marbella e dos problemas que ten o seu alcalde. De pronto, cando as cámaras enfocaron a cabeceira dunha manifestación a favor da liberdade dese señor, vin en primeira fila a un dos golfos máis grandes de España, quizais participando por primeira vez na súa vida nunha causa cívica, aínda que sexa esta causa.

Sempre que vexo a este individuo, que pasa de golfo e que me gustaría que non chegase a senvergonza, imaxínoo comendo paella. E dáme a risa. A cousa ten unha explicación. O tal é fillo dun señor, e sobriño doutro, ambos os dous moi poderosos noutro tempo. Levaban de segundo, un apelido rematado en -oz, o cal permitía que da tal familia se dixese en verso que era tan voraz, que podía ser “capaz de comerse con arroz la paloma de la paz”. Por suposto que é unha maldade. O que sucede é que, grazas ao enxeño, non chega a ser infamia. Da  mesma maneira que o golfo do que falo non é un senvergonza. Para min que ten só cara de randa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de xaneiro de 1999.