La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Lamas, unha aldea próxima a Xinzo de Limia onde eu pasei longas tempadas na miña infancia, nunca sucederon grandes cousas. Que eu recorde, na historia local, un dos acontecementos máis importantes foi a chegada dos franceses cando a Guerra da Independencia. Segundo a tradición, meteron os cabalos na capela e fixeron algunhas barbaridades, entre elas o intento de roubar unha pequena imaxe de madeira, que eu vin moitas veces e que aínda debe andar por alí, coñecida polo nome de O Xerelo.

Outras historias dignas de destacar son o rumor que se correu nunha ocasión, que xa citei aquí, de que no lugar da Manga, un día de tronada con pedrazo, caera un home espido desde o ceo, ou a festa que se organizou cando o Leonardo se empeñara en voar cunhas alas de palla, unha loucura que acabou en chirigota.

Tamén houbo algunha morte violenta sonada e algúns tipos curiosos como o Primo, que sabía contar en inglés ata dez, o cal lle valeu a consideración de sabio. Onte falábase neste mesmo periódico de Lamas por un asunto malo: a riada destes días causou algunhas desgrazas menores na aldea. Non é un bo motivo para saír nos xornais. Aproveitemos entón a ocasión para dicir que no mes de maio, cando se celebren as festas da Santa Cruz, merece a pena viaxar ata alí para ver os danzantes da procesión: unha marabilla.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de xaneiro de 1996.