La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días, os periódicos ingleses, igual que sucede no resto do mundo, andan á procura dos mellores libros do ano. Un crítico, Nicholas Mosley, seleccionou entre todos unha escolma de  poesía, da que dixo que lle parecía a obra máis admirable de todas cantas se publicaron en 1993. Para que a súa escolla non parecese arbitraria, tratou de fundala en argumentos sólidos: mag nífica a tradución, magnífica a representación dos poetas elixidos e magníficos os temas tratados. Ademais, o autor é o seu fillo.

Con ser esta última unha razón de peso, capaz de xustificar calquera cousa, non debe ser a máis importante, pois no suplemento literario do Times desta semana danlle en parte a razón: cariños paternos a un lado, parece que o citado libro está moi ben. De aí que o pai incluso se atrevese a recomendalo como un bo regalo de Nadal.

Respondendo á mesma enquisa, Jeanette Winterson elixiu unha novela: Written on the Body. Os motivos que deu non están menos fundados que os do crítico antes mencionado: sería esta unha obra que vén desmontar toda a andamiaxe da novela do século XIX, ademais doutros valores. A autora é ela mesma. Desgraciadamente, parece que a súa escolla non vai acompañada do mesmo recoñecemento que o caso anterior. Entre a sinceridade e o ridículo só hai un paso. Traizóns da cabeza; arroutadas do corazón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de decembro de 1994.