La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns meses, comendo na casa duns amigos, tiven a ocasión de escoitar a dous membros da Real Academia Española que falaban con graza dalgunhas interioridades pouco coñecidas daquela prestixiosa corporación. Por eles fun sabendo dos costumes, as manías e as características persoais de moitos dos seus colegas, citados sempre, iso si, con elegancia e corrección, aínda que non sen humor, incluído ese que se basea na sutileza e o enxeño, que por fortuna para a intelixencia adoita ser case sempre bastante maligno.

No capítulo dos aspirantes, a letra grosa foi para un coñecido escritor que a min me inspira, desde hai anos, unha incontrolable aversión de tipo moral. O paxaro, indignado por non conseguir o seu propósito, tramou a máis miserable das vinganzas posibles: o día do enterro de Dámaso Alonso, director da Real Academia, foille mexar na tumba. As fotos da ignominia están gardadas nunha carpeta.

Precisamente, acabo de ler un artigo do bicho. Como sempre, desde a primeira liña ata a última, o veleno aparece habilmente transformado nunha brillante prosa de pedrería ética, pura ostentación de cores para disimular a negrura dun corazón cheo de cobras. Por desgraza, adoita ser así: os que son capaces de infamias como esta, que nos conxelan a alma, pasan logo a vida impartindo doutrina moral, como se necesitasen cubrirse cun vestido de palabras nobres para non deixar a propia indecencia ao ventimperio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de decembro de 1993.