La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O día primeiro do ano non foi bo. Cando me erguín pola mañá e baixei para almorzar, atopeime con que Leda, unha das cadelas da casa, fixera unha indecencia no medio da cociña. Pouco despois, no cuarto de baño, vin que o gato Samuel tamén deixara prenda, non menos indecente que a anterior, coa agravante ademais de que o fixera dentro da bañeira. Finalmente, Buba, que desde que lle dá por atacar a Leda ten que durmir á parte, comeu un cacho da manta do cabalo. De xeito que ese foi o panorama.

Alguén dixo durante o almorzo que os animais se vingan dos amos cando se senten preteridos ou abandonados e que probablemente iso foi o que sentiron na noite de fin de ano. Non digo que non, pois ese mesmo argumento xa o escoitei outras veces. Despois de todo, non resulta difícil de entender que poida ocorrer desa maneira.

O que sucede é que eu pensei que non o pasaran tan mal. Estiveron con nós no salón, o gato durmindo debaixo da árbore de Nadal, aproveitando o calorciño das lámpadas, e as cadelas, separadas: Leda vendo a televisión e Buba deitada nunha alfombra. Por riba, aproveitaron os ósos dun cabrito e comeron xeado. Non creo que se poida pedir máis sen caer na extravagancia ou no ridículo. Só nos faltaba que os bichos da casa estivesen enfadados porque non lles damos as uvas nin os invitamos a champán.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de xaneiro de 1997.

Nota do editor. O día 1 de xaneiro non se publica La Voz de Galicia.