La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un dos fenómenos culturais que máis indignación causou no mundo da cultura profesional (intelectuais, artistas e demais membros desa ilustre confraría de personaxes altamente preocupados pola saúde cultural colectiva) foi o programa de televisión Gran hermano. A causa da indignación non era infundada. Resultaba preocupante que un grupo de persoas normais espertasen tanto interese nunha audiencia fascinada pola banalidade dunhas vidas bastante triviais. Nesa crítica podiamos coincidir moitos. Seriamos menos, en cambio, os que estariamos de acordo en estender o significado do fenómeno a outras áreas culturais aparentemente máis nobres, pero idénticas no fondo.

Refírome, por exemplo, á literatura, por falar só dunha actividade que me cae máis de cerca e que coñezo mellor que outras. Unha boa parte dos premios literarios que se conceden, sobre todo os que dependen de grandes editoriais, baséanse con frecuencia no mesmo mecanismo do tan denostado programa de televisión. Cóllese un libro insignificante, ás veces incluso deleznable, introdúcese na cocteleira televisiva, e o resultado é exactamente o mesmo. A banalidade do produto, igual que as vidas dos protagonistas de Gran hermano, convértese de repente nun éxito popular de proporcións desmesuradas.

O mecanismo resulta dunha eficacia apabullante. Nun país onde os índices de lectura son dos máis baixos de Europa, con tiradas medias que non pasan dos tres mil exemplares,  conséguense incrementar as ventas ata cifras que poden rondar o medio millón. O resultado é que, da mesma maneira que Jorge ou Silvia ou Israel, se transformaron en personaxes polo simple feito de que as cámaras se fixasen neles, eses libros e eses autores acaban sendo  fenómenos culturais de masas por razóns semellantes. O problema, polo tanto, está no medio, é dicir, nese instrumento que é capaz de orientar os intereses da xente nunha dirección que ten como meta, non destacar a calidade, senón inventar a realidade.

A atracción desta realidade, por outra parte, non ten nada que ver coa exemplaridade ou a excelencia, senón con valores doutra índole: a simpatía, o gancho da personalidade, o escándalo e outros méritos que a audiencia valora en función dunha complexa escala de preferencias. Aínda en circunstancias máis serias, a mecánica non escapa a este comportamento. Hai un par de anos, en Alemaña, deuse un caso que resulta paradigmático. O novelista Javier Marías publicara en alemán un dos seus libros, xustamente eloxiado pola crítica periodística, que non pasara de vender, ao longo de máis dun ano, arredor de trescentos exemplares. Bastou un comentario entusiasta do crítico Marcel Reich-Ranicki no seu famoso programa de televisión, para que ao día seguinte miles de lectores se lanzasen ás librerías, non para pedir a novela de Marías, senón o libro do que falara Ranicki o día anterior. Nuns meses, vendéronse máis de douscentos mil exemplares.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de decembro de 2000.