La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, a cadela labradora da casa comeume unha caixa de bombóns que me regalara un amigo. Papouna enteiriña, supoño que co envoltorio incluído porque non apareceron os papeis entre os restos. Xa teño dito algunha outra vez aquí que se trata dun animal lambonciño, capaz de aproveitar unha miga de pan que cae da mesa ou de comer cousas que os cans normalmente non comen: noces, xeados, paquetes de leite, caramelos, mel, aspirinas. Nunha ocasión pillou nun descoido unha botella de aceite e acabou con ela co mesmo entusiasmo que se fose un óso. Non sei de onde lle veñen estas ansias de cadela consumida, porque comer come todos os días.

Claro que come eses piensos que hai agora, perfectamente estudados, coas vitaminas necesarias. Supoño que é a forma máis racional, cómoda e sa de alimentar un can, aínda que dubido que sexa a máis grata para o bicho. Non entendo nada desta clase de asuntos, pero dáme a sensación de que, ao cambio, debe der ser algo semellante a como se os humanos comésemos a base de pastillas.

O que ten a labradora de lambona teno a rothweiler de caprichosa. Por moito que custe crelo, se non se lle serve a comida ás sete e media da mañá en punto, nin un minuto arriba nin un minuto abaixo, négase a comer. Confeso que este é para min un misterio incomprensible, aínda que teño pensado moitas veces nel. Daría algo por coñecer os mecanismos que levan a esta cadela a comportarse desta maneira. Supoño que serán automatismos do seu cerebro. Parece lóxico que sexa así e non condutas parecidas ás dos seres humanos. Non importa. Eu só podo vela como unha dama ofendida. Así é máis fácil entendela.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de decembro de 1998.