La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Os periódicos de todo o mundo falan estes días de Borislav Herak, un rapaz serbio de vinte anos que moi pronto vai comparecer, para ser fusilado diante dun pelotón bosnio. Nas fotografías ten cara de idiota. Non foi capaz de rematar os estudos primarios e tívose que contentar cun traballo de nada: carrexar vultos nunha fábrica téxtil. A vida perdeuna tamén por unha estupidez, el mesmo se foi meter na boca do lobo ao confundirse de estrada e acabar nas mans dos seus inimigos.

Ademais cantou de coro todas as barbaridades que fixera. Empezou matando bosnios porque escoitou dicir pola radio que estes querían matar tamén a todos os serbios. Despois pensou que a guerra era unha boa ocasión para facerse con cartos e comprar un televisor. Por ese motivo lle desfixo a cabeza a culatazos a unha pobre vella, á cal lle roubou uns poucos marcos. Como nunca se deitara cunha muller, aproveitou tamén a situación.

A unha rapaza de vinte anos que estaba presa, violouna varias veces nunha noite e logo sacouna a pasear para pegarlle un tiro na cabeza: no cárcere non había sitio para máis xente. A un campesiño tombouno no chan diante da familia, levantoulle a cabeza polas orellas e logo afundiulle o coitelo na gorxa. É así como se matan os porcos na súa terra. O propio salvaxe está sorprendido de si mesmo, pois nunca lle fixera mal a ninguén. O que pasa é que primeiro tivo medo de que o matasen e despois pensou que quería un televisor en color.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de decembro de 1992.