La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días vexo moito en Ourense un deses trens chu-chú que percorren as rúas tocando unha campá e cargados de nenos e xente maior. Polo que deduzo, debe tratarse dunha cousa de publicidade. É igual que un xoguete grande, como se un rei mago xigantesco lle deixase ese regalo á cidade. Onte descubrín subido nel, todo serio e con cara de estar facendo algo importante, un señor vestido cun abrigo azul marino e un sombreiro escuro que observaba con compracencia o mundo desde o seu asento. Parecía feliz.

Pola noite, cando me marchaba para a casa, vin como o tren chu-chú avanzaba pola rúa do Paseo, que é peonal, cargado con persoas de todas as idades, dando unha das últimas voltas da xornada. De pronto, o condutor atopouse con que tres cidadáns deixaran os coches estacionados de xeito que lle pechaban o paso.

Non era fácil resolver o problema. O responsable baixou, calculou o espazo que lle quedaba e decidiuse a facer unha manobra arriscada. En poucos segundos, o escenario do suceso púxose a ferver de curiosos. Nas caras dos viaxeiros había preocupación. Por fin, pasados un par de minutos, a operación foi un éxito e houbo aplausos. O maquinista agradeceu cunha  sorrisa e seguiu o seu camiño, todos contentos. Se digo a verdade, non sei se serei capaz de controlar as ganas que teño de dar unha volta no tren chu-chú.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de decembro de 1995.