La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días pasados puiden observar que os nenos cren en Papá Noel como antes criamos nos Reis Magos. Iso xa o tiña visto en Suecia, onde é tradicional que alguén da familia se disfrace coas roupas e as barbas do personaxe para repartir os regalos. Cando o velliño peta na porta e entra na casa, os rapaces poñen unha cara de asombro absoluto, coma se o mundo acabase de  ser inventado diante dos seus ollos, cos peixes, os leóns, as xirafas, os tronos e a neve acabados de crear a partir da nada. Séntense tan marabillados que son incapaces de descubir que debaixo daquela capa e aquel gorro encarnado se esconde alguén coñecido.

Normalmente, nunca o descobren, aínda que por lóxica, se pensasen un pouco, comprobarían que naquel momento falta unha das persoas que estaba na reunión e que de novo volve aparecer milagrosamente cando Papá Noel xa se foi. Nunca vin un caso de inocencia máis limpa, unha entrega tan incondicional ao engado do misterio.

Aquí Papá Noel nunca se aparece, da mesma maneira que os Reis tampouco se ven. En ambos os dous casos trátase dunha presenza fantasmal. Debe ser porque aquí somos máis desconfiados, ao revés do que sucede alá polo Norte, onde a xente confía na xente ata que lle dan motivos para non facelo. Teño a impresión de que se alguén se disfrazase para entregar os paquetes cos regalos, podería ocorrer o que lle sucedeu ao poeta toliño don Xan da Coba e Gómez, de quen falei recentemente aquí, a quen un día lle fixeron unha falsa homenaxe internacional e cando lle anunciaron a entrada do Gran Tamerlán, dixo indignado: “¡Sodes uns senvergonzas! ¡Este é o coxo Losada!” E era.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de decembro de 1999.