La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A primeira vez que oín falar da Arxentina como dun país conflictivo foi alá polo principio dos anos sesenta, cando estudiaba en Santiago e mantiña unha boa relación persoal co meu catedrático de Literatura, don Enrique Moreno Báez, que con frecuencia me invitaba a tomar o té á súa casa, o mesmo que a dous ou tres alumnos máis, cada vez que tiña a algún convidado ilustre. Unha desas veces coincidiu cunha visita de Francisco Romero, catedrático de Filosofía en Buenos Aires, un home de conversa amena, probablemente moi sabio, que nos fixo pasar unha agradable velada vespertina falando do seu país.
Había xa algún tempo que caera Perón, a quen por certo eu coñecera de causalidade en Madrid, nun restaurante arxentino que se chamaba Tranquilino. (Entre parénteses: non me impresionou nada e pareceume un golfo). Por eso me chamou a atención que entre as cousas que Francisco Romero contaba del, houbese tantas historias relacionadas co fanatismo que espertaba en masas enteiras de compatriotas, dispostos a dar a vida por el.
Eu de política entendo pouco, pero teño a impresión de que Perón foi unha das peores desgracias que lles pasaron ós arxentinos. Nos anos setenta, relacioneime en Suecia con refuxiados políticos daquel país que militaban en familias peronistas de distintos colores: desde trotskistas revolucionarios ata fascistas cachiporras. Entre eles odiábanse, pero todos adoraban a aquel personaxe ridículo a quen eu coñecera en Madrid acompañado dun frade galego non menos golfo ca el, e que me parecera un cínico. Foi un misterio que nunca entendín. Como non entenderei cómo un país se pode arruinar cada pouco tempo e volver resucitar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de decembro de 2001.