La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado pola noite estiven no castelo de Soutomaior para recoller un premio que leva un título impresionante: “Fumador galego de habanos do ano 1999”. Supoño que da mesma maneira que Miss Universo non é, por pura lóxica, a muller máis fermosa do mundo, nisto dos puros debe pasar algo moi parecido. Polo tanto, na honrosa  distinción que outorgaron os membros do Club Epicur de Galicia tiveron que influír outras circunstancias que non coñezo ben, ademais do feito real, que eu nunca ocultei, de ser un pacífico fumador de puros habanos, nunca de cigarros, desde hai moitísimo tempo.

Por alí andaba, por exemplo, unha antiga alumna miña, casada cun bo fumador, que segundo me contou todo o mundo, na asemblea de Ourense, onde se decidiu a elección, ela actuou como axente electoral entusiaste e, polo que se ve, eficaz. Por outro lado, a maior parte dos asistentes ao acto confesáronme ser seguidores desta columna diaria.

En todo caso, fose cal fose o motivo do premio, quedei encantado. Déronme unha chaveta de prata, que para os non iniciados direi que é esa coitela grande, de forma semicircular que usan os torcedores para elaborar os puros. Volvín á casa de madrugada eu só, o cal me deu pé para botar contas mentres conducía. Durante 1999 levarei fumado uns mil habanos, máis ou menos, unha cifra que algúns tenderán a ver como unha mostra de horror ou de barbarie, pero que eu vexo como unhas mil horas aproximadamente de tranquilidade, de paz e de sosego: unhas veces, polas noites, case sempre en solitario, e outras veces, polo día, de tertulia e sobremesa. Creo que é pecado, pero non leva ao inferno.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de decembro de 1999.