La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pola mesma época na que coñecín ao coello Churchill, viña tamén moito pola miña vila un lagarto que durmía nunha cama con cabezal, todo feito cun par de toallas. Pertencía a unha  señora cubana de pel de oliva, con voz de augardente rasposo e falares caribeños. Vendía unhas cremas milagrosas que curaban a reuma e a dor de cabeza e que aseguraba que estaban feitas con unto de cobras e lagartos, aínda que eu estou convencido de que se trataba nada máis que de vaselina. Probablemente era un bo negocio.

O produto viña nunhas caixiñas redondas de madeira liviá, dun grosor aproximado ao dun papel. Creo que custaban unha peseta. Os paisanos compraban bastantes e, ás veces, antes de decidirse, facían un aparte coa señora, coa que falaban en voz baixa, quizais para preguntar cousas que lles daba vergonza dicir en voz alta.

Mentres se celebraba todo este cerimonial, o lagarto permanecía deitado na cama nunha postura indecente: panza arriba e completamente espatarrado. É unha maneira de deitarse que teño observado tamén nos cans. En termos humanos equivale, pola súa fealdade, a ese xeito de sentarse que se ve moito na televisión, cando aparecen persoas que non son capaces de manter as pernas xuntas. Son normas que antes se aprendían nas casas e que agora se perderon. Iso non está ben nin na xente nin nos lagartos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de decembro de 1996.