La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hoxe quero escribir sobre as persoas que o outro día fixeron cola nunha tenda da Coruña para que lles firmase un libro. Por riba, cheguei con atraso, cando elas levaban alí varios minutos agardando. Falo disto aquí para agradecerlles, en primeiro lugar, a súa paciencia, pero sobre todo o interese que amosaron ao preguntarme pola saúde do gato Samuel ou pola nena que temos na casa ou polas mazás do xardín ou por outras cousas que non veñen ao caso. Lamento non poder falar con cada unha máis tempo, pero resultaba imposible. Tampouco lles puiden poñer dedicatorias máis personalizadas. Sirvan, pois, estas liñas de desculpas por todo iso.

A ocasión serviu para coñecer a viúva de Narciso Rivas, a quen eu tratei de neno cando el pasaba os veráns no pazo de Bóveda, moito antes de casar. Fun merendar alí varias veces, fascinado sempre por unha babucha chinesa que había nunha especie de vitrina. Entón eu non sabía que aquela babucha pertencera ao señorito da Reboraina, embaixador na China, inmortalizado despois por Otero Pedrayo.

A conversa con esta señora, ademais da que mantiven cun antigo compañeiro dos anos universitarios, Ricoi, que me levou unha fotografía divertida do ano 1963, da que falei aquí noutra ocasión, serviron para que a tarde de onte acabase sendo moi grata. Logo fun cear con tres amigos e, ao rematar a sobremesa, pasada a unha da madrugada, collín o coche para volver á casa. No camiño fun pensando que debía dar as grazas a alguén por vivir momentos  tan felices. Nese momento, unha frase que non me gusta nada, convertida en tópico e repetida por miles de persoas no mundo, pareceume verdadeira. Un escribe simplemente para que o queiran.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de decembro de 1994.