La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día falei aquí de Edmundo Estévez, aquel personaxe ourensán tan pintoresco que fo contertulio habitual de Pío Baroja. Tíñalle tal odio aos curas e aos frades, que resultaba cómico. Por exemplo, era capaza de ir paseando tranquilamente pola rúa, falando cos amigos, poñerse lívido de repente e pedirlle a todos que se situaran de costas contra a parede. O motivo, un pobre cura vello que se achegaba por detrás arrastrando os pés. Cando xa pasara, don Edmundo, aínda nervioso, víase obrigado a darlle unha explicación aos amigos: «A esta xente nunca se lle poden dar as costas. Hainos que levan un puñan escondido».

O propio Baroja participaba dunha opinión parecida, aínda que non lle debía faltar algunha razón, se é certo que o mesmo día que el se instalou a súa casa de Itzea, en Vera de Bidasoa, alguén repartiu entre a xente do lugar un libro do padre Ladrón de Guevara titulado «Novelistas buenos y malos», no que se calificaba a Baroja de impío, clerófobo e deshonesto. Por suposto que como no caso da galiña e o ovo , non se sabe que cousa foi primeiro, aínda que coñecendo o cascarrabias que era o escritor, case se podería asegurar que no seu caso debeu ser primeiro o ovo.

Non coñezo a ninguén que ao escribir a palabra igrexa lle veña á cabeza, por asociación de ideas, a ocurrencia que Pío Baroja escribiu un día nas súas memorias. Dicía que os templos lle parecían edificios sombríos e que lle figuraba que detrás dun confesonario ía saltar en calquera momento un coengo negro para agarralo polo pescozo e estrangulalo. Por iso, procuraba non entrar nunca nas igrexas. O cal non se lle pode reprochar, pois habería que ser un heroe para expoñerse desa maneira, e sen motivo, a ser asasinado dunha maneira tan brutal. Polo visto, os estangulados tardan bastante en morrer e ademáis parecen que sofren moito.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de decembro de 1991.