La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O pirata Felipe Baredo, que operou no sur de Galicia hai máis de trescentos anos, tiña o costume perverso de cortarlle unha orella ás vítimas dos barcos que apresaba. Despois enfiaba o apéndice nunha corda e izaba o trofeo ata a altura do pau maior. Cando o colleron na proximidade das Cíes no ano 1697, no momento de prender o gandulo, aquel botín macabro estaba composto de sesenta e nove unidades, dúas delas de muller.  Condenado a morte e aforcado en Vilagarcía, moitos dos desorellados foron ver como o colgaban.

Nas Filipinas, hai un pirata que ten aterrorizados os mares desde hai anos, sen que valesen ata agora as diversas operacións que se emprenderon para collelo. En vez de orellas, este corta dedos. Unha das dificultades para capturalo consiste enque ninguén foi capaz aínda de describir o seu aspecto nin o do seu barco. Só hai coincidencia en que é un home corpulentoe que ataca de noite.

A policía está desconcertada, non obstante, cun dato. Un neno, que durmía no seu camarote cando o pirata abordou o barco dos país e que presenciou os feitos sen ser visto, fixo unha descrición tan exacta do suceso que permitiu elaborar un retrato perfecto do delincuente. O malo é que ese retrato se corresponde, punto por punto, cuspidiño, cun honorable cidadán, rico e poderoso, filántropo e devoto. O único que non casa na identificación é a idade deste último, un vello de oitenta anos. Pero ten barco e navega de noite.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de decembro de 1992.