La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Outro mito que cae. Agora tócalle o turno a Joe DiMaggio, unha das lendas do deporte americano, coñecido ademais por estar casado, durante nove meses, con Marilyn Monroe. Cando este mítico xogador de béisbol morreu, a prensa dos Estados Unidos, de maneira unánime, destacou as súas grandes virtudes, especialmente a súa nobreza. Eloxiado por Hemingway, que o cita en O vello e o mar, foron moitos os escritores que se ocuparon del e o puxeron como exemplo de home íntegro e como modelo digno de admiración.

Aínda non se sabía o que se acaba de revelar nunha biografía recentemente publicada. Como ocorre case sempre cos heroes, debaixo do mármore da estatua non había máis que un ser humano de carne, cheo de miserias.

Un dos capítulos menos exemplares da súa vida foi a relación que mantivo coas mulleres. De orixe siciliana, tiña a teoría de que estas estaban para exercer como amas de casa e levar unha vida recatada. A Marilyn, por exemplo, prohibíalle vesterse con roupas que el xulgaba atrevidas, as mesmas, sen embargo, que lle gustaba que levasen as mozas coas que se vía nos hoteis. Cando a actriz filmou a célebre escena da saia levantada pola ventilación do metro, pegoulle unha malleira. Ela pediu o divorcio ao día seguinte.

Co diñeiro, tampouco foi modelo de virtudes. Revendía as entradas que lle daban e vendeu regalos de ouro para facer logo unha denuncia aducindo que llos roubaran. Unha das fontes da súa fortuna tivo que ver coas amizades que cultivou cos mafiosos italianos de Nova York. Estes, conscientes de que a compañía de DiMaggio lles daba boa imaxe, procuraban retratarse con el en lugares públicos, pero el cobráballes cantidades que eran depositadas nunha conta especial. Isto non é todo, pero abonda. Supoño que quen o recordan como un ídolo estarán afectados por tales revelacións. Naturalmente, culparán ao biógrafo. Farían mellor en culpar á vida: os heroes non existen.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de decembro de 2000.