La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, cando ía comer, ao pasar pola rúa do Príncipe, en Vigo, vin un deses pobres dos que falan estes días os periódicos. Era un home novo, moi delgado, cun chupete na boca, subido nun dos bancos de pedra que ocupan o centro do paseo. Sentado aos seus pés, moi serio e posto no seu papel, un can non máis gordo que o seu dono, chupaba tamén dun adminículo semellante. Como se tivese un resorte eléctrico movido por pilas, o home agachábase de cando en vez para pasar a man pola cabeza do animal.

Ignoro a rendibilidade do oficio, pero supoño que non debe ser moi alta: quizais unhas poucas moedas recollidas ao cabo do  ía para conseguir algo de comer, mercar uns cigarros ou pagar a cama de cada noite nunha pensión. Demasiado pouco para tantas horas de traballo ao aire libre, con frío e sen estima social.

Cando eu era neno, os pobres eran todos de pedir. Xuntábanse en grupo e pedían ao mesmo tempo, de xeito que os propietarios das casas non se visen obrigados a ter que abrir a porta cada cinco minutos. En xeral, a xente estimábaos. Agora, os pobres case todos teñen oficio, naturalmente ao alcance das súas posibilidades: fan mimo, tocan a frauta, dan saltos ou venden periódicos. Non piden, senón que cobran, aínda que só sexa a vontade. Non sei por que non se recoñece a dignidade do seu traballo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de decembro de 1996.