La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Beiro, unha aldea próxima a Ourense onde pasei moitos veráns da miña infancia, eu sempre quería durmir nunha alcoba que se chamaba o cuarto do limoeiro. A cousa era porque había alí un refuxio contra os bandidos composto por un pequeno labirinto de pasadizos, portas, trampas e buracos para meter os canos das escopetas, que axudaban a soñar esas situacións perigosas, cheas de riscos e actos heroicos, que tanto lles gustan aos nenos. Escuso dicir que durmir nalquel cuarto enorme parecíase moito a vivir unha aventura.

O malo é que no cuarto había tamén un detalle que non me gustaba: unha alfombra feita coa pel dun lobo, incluídos a cabeza, a boca e os dentes. Antes de durmir sempre rezaba unha avemaría polo animal, non tanto porque Deus lle perdoase as barbaridades que fixera, senón para que me deixase durmir en paz.

Onte mesmo, cando lin neste periódico a noticia de que un señor andou cun raposo arrastro, atado a un automóbil e dando voltas polas rúas da vila onde reside, veume sen querer á cabeza a lembranza do lobo da alfombra. De súpeto, entráronme ganas de rezar unha oración polo pobre raposo, tan  gratuitamente maltratado. Ao final, perdida a inocencia de pregar polos animais, pensei que sería bastante máis proveitoso rezar polo home. Así que aí vai: unha avemaría máis para que Deus lle abrande un pouquiño o corazón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de decembro de 1994.