La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Había na tertulia de Vicente Risco, no Ourense de hai preto de corenta anos, un señor que gozaba do privilexio de ter televisión na casa. Con frecuencia traía noticias ao café de cousas que o impresionaban, especialmente as que se referían aos alardes de destreza dos equilibristas ou saltimbanquis, que daquela participaban con grande éxito nun bo número de programas. Un día chegou enfurruñado porque un destes artistas, que entón actuaban sempre en directo, cometera un alto número de chapuzas imperdoables.

El, polo menos, non llas perdoaba, para o cal se valía dun argumento que empregaba constantemente nas súas críticas, fosen do tipo que fosen. Dicía que quen asumía o risco de actuar en público para os demais, aínda que se tratase dun simple bufón, debía comportarse, tanto por orgullo como por dignidade, de xeito profesional.

Ignoro que pensaría aquel home tan estrito se vise, como vin eu onte na rúa, un destes malabaristas lanzando ao aire uns cilindros de plástico que nunca conseguía recoller antes de que batesen no chan. Supoño que o facía para pedir unhas moedas sen ter que compoñer o xesto humillante, quizais un pouco rendible, de alongar a man en busca dunha esmola. Como cousa profesional, a exhibición do rapaz era unha catástrofe. Tiña a virtude, en cambio, de acoutar para a alegría un cacho da rúa. Un labor que non é para desprezar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de novembro de 1994.