La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Creo que xa teño expresado aquí noutras ocasións a miña simpatía humana por eses curas de aldea que había antes, grandes comellóns e xogadores de cartas, bos cazadores, que non andaban sobrados nin de latín nin de teoloxías, pero que en xeral eran boas persoas. Educados no seminario para comprender sutís conceptos relacionados coa substancia ou a transubstancia, ao final debían predicar para xentes que non entendían máis aló dos contos sinxelos que lles contaban sobre as vidas dos santos.

Nas miñas terras da Limia falábase de varios destes cregos, algúns dos cales se tiñan enfrontado a tiros cos atracadores. Eu mesmo coñecín un deles, a quen uns bárbaros lle machacaron a pedradas a placa do Sagrado Corazón que lucía na porta do patio e que llela obrigou a repoñer, apuntándolles cunha escopeta.

Nun lugar de Santander aparece agora un cura desfacendo a martelazos unha lápida bendicida polo bispo hai uns meses, colocada nunha parede da igrexa, na que figuraban os nomes das persoas que contribuíron economicamente á reparación do templo. Non sei por que, este crego non me parece da raza daqueles. Máis ben o imaxino como un home atormentado, asustado polo conflito de envexas que se desatou na parroquia. Un verdadeiro tumbalobos andaría a labazadas cos presumidos e cos envexosos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de novembro de 1995.