La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven en Madrid para dar unha conferencia na Fundación Ortega y Gasset. Despois de cumprir co cometido, que foi pola mañá, decidín practicar ese vicio virxinal e grato que consiste en andar de papón polas rúas, mirando o que sorprende, deixándose acariciar pola voluptuosidade inocente da preguiza. Nunha cidade grande sempre hai moito que ver, sobre todo en espectáculo humano, máis agora que a economía do país fai emerxer tipos raros, desgraciados ou senvergonzas.

Destes últimos vin trileiros e individuos torvos que ofrecen reloxos de ouro a prezos de ganga. Nas inmediacións, periquitas dispostas a gañar o día antes de comer… Do capítulo das desgrazas, mellor non contar: a miseria ten agora un rostro amarelo, de campo de concentración, absolutamente triste e desamparado.

No apartado de raros, notei a presenza de varios predicadores. Atopei tamén músicos de instrumentos imposibles, un deles tocando un artefacto feito cun paraugas e un orinal de plástico. Saltimbanquis, tres, escuálidos e tristes, cunha delgadez que máis parecía proceder da fame que do exercicio. Con todo, o que máis me chamou a atención foi ver que a sede do Defensor do Pobo, na rúa Fortuny, está fortemente custodiada pola policía. Que o defensor do pobo teña que ser defendido, non di moito a favor do pobo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de novembro de 1993.