La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na miña vila de Xinzo de Limia, cando eu era neno, nos invernos de moita chuvia había cheas, é dicir, inundacións, que algunhas amigas da miña nai chamaban “llenas”, da mesma maneira que o barrio de Baronzás, nome eufónico e rotundo, o convertían en Baronzanes, algo máis tísico. A cousa viña do feito de estar a vila construída sobre un lugar pantanoso, en terras que antigamente formaron parte da lagoa de Antela. Cando se producían estas cheas, había rúas que se transformaban en canais e as persoas que vivían nelas víanse obrigadas a usar barcas con pértegas (Rosalía chamaríalles paus viradoiros) para saír ou entrar nas súas casas. Supoño que non debía ser nada agradable, pero aos nenos resultábanos emocionante.

As inundacións afectaban sobre todo a unha rúa que a xente chamaba a Calle de Atrás, moi próxima á Ladeira, unha especie de braña veciña do río que nos invernos chegaba a ser unha charca grande. Na citada rúa había algúns negocios que sufrían as consecuencias daquela circunstancia e nos que os propietarios tiñan que pasar horas achicando auga e salvando mobles e pertenzas. Recordo a fábrica de gaseosas e refrescos Lola, a casa do Estrecho e a carpintería do Euloxio Portela, un coñón.

Un día, mentres chovía a portas abertas, estaba eu co meu pai na carpintería deste último e entrou alí un rapaciño inocente, compañeiro meu de escola, que se puxo a cantar: “Que llueva, que llueva, la Virgen de la Cueva”. Se non chega a ser polo meu pai, o Portela, que raramente perdía a calma, arrebólalle cun demo á cabeza do pobre infeliz. Pasados algúns minutos, o carpinteiro, recuperado o tino, tratou de desculparse: “Mire, don Paco, é que se vén a chea por culpa dese parvo, arruíname o negocio”. Eu nunca imaxinara que aquel amigo meu, tan desprezado por todos na escola, tivese aqueles poderes case máxicos. Onte, que houbo unha pequena chea no xardín, acordeime del. Xa me gustaría que fose por culpa súa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de novembro de 2000.