La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Nova York, nunha das visitas que fixen á cidade, cando polas noites me retiraba a durmir, camiño do hotel, no centro de Manhattan, tiña que pasar de forma obrigada por diante dun individuo que estaba instalado no oco dun portal, amparado do frío por unhas caixas de cartón perfectamente dispostas en forma de cubil, deitado sobre algo que parecía unha esteira e lendo un libro, concretamente o Eloxio da loucura de Erasmo, coa axuda dunha pequena lámpada de pinza. Pensei que aquel podía ser iso que chaman un pobre americano.

En Europa houbo un tempo en que se pensaba que os pobres de América eran ricos en comparación cos seus colegas deste lado do Atlántico. É dicir, que se trataba dunha forma de pobreza relativa, definida en relación co alto grao de desenvolvemento económico que conseguiran os Estados Unidos.

Non son estes pobres que len a Erasmo á luz dunha lámpada en plena rúa os que Clinton di que quere salvar. Quen teña visitado o barrio do Bronx, tamén en Nova York, e teña visto a miseria de carraña, inmundicia e navalla que alí se cría, saberá a que tipo de pobreza se terá que enfrontar o novo presidente se quere cumprir a palabra que empeñou. Non ten máis que dous camiños: ou quitarlle cartos aos militares ou aumentarlle os impostos aos máis ricos. O malo é que os militares mandan moito e os ricos teñen quen mande por eles.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de novembro de 1992.